Maio de estreas UDCMOOCs

Os cursos MOOC ou cursos masivos e abertos, constitúen un fabuloso escaparate para dar a coñecer a grande calidade da formación que se imparte nas nosas aulas e para situar á Universidade da Coruña no mapa mundial da formación en aberto . Desde o ano 2017 que lanzamos o primeiro MOOC, inscribíronse nos nosos cursos máis de 7.300 persoas dun total aproximado de 70 países diferentes.

Grazas á incorporación do profesor Manuel García Torre ao equipo do CUFIE, puidemos avanzar substancialmente no traballo de gravación e edición de cursos MOOC que quedara parado pola pandemia.

É por iso que no que vai de ano se impartiron xa dous cursos na plataforma MiríadaX:

No mes de maio imos estrear dous novos cursos que agardamos que sexan de grande interese:

Construcción naval e Industria 4.0

Ademais, impartirase tamén en maio a 3ª edición dun dos nosos mooc máis exitosos:

Sostenibilidad en la era del Big Data

Nas ligazóns que hai debaixo de cada vídeo podedes inscribirvos gratuitamente se algún curso vos interesa. Comezamos o día 3 de maio! Agardámosvos!

Aberta inscrición para o novo MOOC da UDC sobre Diversidade Funcional

Comeza un novo ano e nós dámoslle a benvida con unha estrea inmellorable: un novo curso MOOC titulado “Tecnologías para la participación activa en la diversidad funcional”. Se vos interesan as tecnoloxías e ademais traballades ou convivides con persoas con diversidade funcional, este curso pode ser o voso mellor obxectivo para este ano novo.

cartel curso mooc

Como vedes no cartaz, está aberta a inscrición ata o próximo 13 de xaneiro na plataforma MiríadaX

O curso é gratuíto e só tedes que crear unha conta para poder acceder a todos os seus contidos e actividades. Ten unha duración de 4 semanas con unha dedicación estimada de 4 horas de estudo por semana. Este MOOC, fai un interesante percorrido polos distintos produtos tecnolóxicos que permiten fomentar a autonomía das persoas con diversidade funcional e tamén por aplicacións e software que se pode empregar para ese mesmo fin como Scratch ou Makey-Makey. O equipo docente está formado polos seguintes profesores doutores da Universidade da Coruña: Javier Pereira, Thais Pousada, Betania Groba e Laura Nieto. Ao remate, teredes opción de solicitar un certificado de superación do curso que acreditará os vosos coñecementos.

Aquí vos deixamos o vídeo de presentación que fai un resumo das principais liñas temáticas e actividades do curso:

Verdade que é interesante? Pois inscríbete e difunde!!

Somos finalistas ao premio Innovación Educativa MiríadaX!

Estamos contentísimos de anunciar que Música para el S.XXI: aportaciones del sotfware libre a la educación musical, o 1º MOOC lanzado pola Universidade da Coruña en colaboración coa Universidade de Cádiz está entre os 10 finalistas ao premio Innovación Educativa MiríadaX 2018. Non podemos estar máis felices por este recoñecemento ao excelente traballo tanto do/as nosos docentes como dos compañeiro/as da Universidade de Cádiz. No caso da UDC, todo o proceso de deseño, gravación e edición dos cursos MOOC estase a coordinar desde a Unidade de Teleformación do CUFIE. Ademáis, para este primeiro curso MOOC, contamos coa inestimable colaboración do servizo técnico de audiovisuais da Facultade de CC. da Comunicación da UDC, así como con alumnado bolseiro desta mesma facultade. Vaia este recoñecemento tamén para eles!

O noso MOOC foi seleccionado entre 89 candidaturas de 44 universidades de 8 países diferentes. Nunha primeira fase analízanse as enquisas de opinión do alumnado dos cursos, a taxa de finalización acadada, o deseño e a dinamización titorial. Ademáis faise unha revisión por pares realizada por docentes que impartiron cursos mooc. Na segunda fase, un comité editorial analiza e avalía a documentación da primeira fase e escolle aos 10 finalistas que optarán ao galardón. Este ano SOMOS os seguintes (por orde alfabética):

finalistasfinalistas2finalistas3

 Como podedes ver, competimos con universidades moi potentes e con moita experiencia no campo dos MOOC. Aproveitamos para transmitir a nosa felicitación ao resto de finalistas. Para nós xa é todo un premio compartir espazo con eles nesta listaxe, agora queda agardar ao día 19 de novembro que será cando o xurado emita o seu veredicto.

Desexádenos sorte!! 🙂

Hoxe falamos de #MOOCS con ÁNGEL FIDALGO

Un-café-con-Banner

No marco das accións encamiñadas a formar ao profesorado da UDC que está a deseñar os seus cursos MOOC, convidamos a un experto con grande experiencia e premiada traxectoria neste ámbito: o profesor Ángel Fidalgo, da Universidade Politécnica de Madrid. Seguramente moitos de vós o coñecedes grazas ao seu blogue Innovación Educativa ou mesmo fostes alumnos dalgún dos seus Moocs en MiríadaX.

angelfidalgo-taller

Imaxe do Obradoiro que o profesor Fidalgo impartiu no CUFIE o pasado 3 de maio

O caso é que aproveitando que o profesor Fidalgo se desprazou á Coruña para impartir aos nosos profesores un obradoiro de elaboración de MOOCs, prantexámoslle algunhas cuestións como:

  • Son os MOOC unha moda que xa pasou ou seguen estando vixentes?
  • Deben as universidades facer unha aposta seria polos MOOC?
  • Que poden aportar aos profesores?

Non só se prestou moi amablemente, senón que ademáis, grabou en vídeo toda a entrevista e púxoa a disposición de todos nós. Aquí podedes vela (e pedimos desculpas polas faltas de ortografía do texto, pois a idea inicial non era que fose público):

Moitísimas grazas profesor polo obradoiro, polos azos e por facernos máis doado o camiño aos que comezamos a andadura!

 

 

#UDCMOOCS

Unha das razóns polas que estivemos “desaparecidos” deste blogue foi este novo proxecto no que estamos xa mergullados de cheo desde finais do ano pasado. Algo vos avanzabamos, se lembrades, sobre el no noso último post: a Universidade da Coruña vai lanzar ao longo do ano 2018 os seus primeiros cursos MOOC.promocion-udcmoocs

O termo MOOC (Massive Online Open Courses) foi acuñado por Dave Cormier e Bryan Alexander no ano 2008 en referencia ao curso “Connectivism and Connective Knowledge” organizado por George Siemens e Stephen Downes, profesores da Universidade de Manitoba (Canadá). Naquel curso matriculáronse preto de 2.500 persoas! pois a filosofía que subxace a este tipo de cursos é a do coñecemento aberto, en rede, onde miles de persoas poden colaborar e aprender dun xeito interconectado, colaborativo e gratuíto. En realidade, o fenómeno MOOC nace intimamente ligado ao precedente que sentaron iniciativas de impulso ao coñecemento aberto como foron a OCW (Open Course Wear) ou os REA (Recursos Educativos Abertos).

NUBE-MOOCS-senmarco

Aquí podedes escoitar ao propio Dave Cormier explicando o concepto MOOC:

O verdadeiro boom dos MOOCS produciuse a partires do ano 2012, que foi nomeado como “ano dos MOOCs” polo xornal The New York Times debido ao auxe que estes cursos experimentaron entre as universidades americanas da man de plataformas coma EdX, Coursera ou Udacity. Aquí en España o crecemento foi tamén espectacular, como pode apreciarse no mapa xa no ano 2015 o noso país era o 1º de Europa en número de cursos MOOC publicados:

moocs-datos2015

Nº de Mooc por países. Datos do ano 2015. Fonte: Informe MOOC y criterios de calidad (p. 8) CrueTic.

Se ben é certo que esa euforia inicial se foi apagando un pouco debido a aspectos controvertidos dos MOOC como son o elevado grao de abandono ou a escasa calidade pedagóxica que algúns críticos lles achacan, tamén o é que a día de hoxe practicamente todas as universidades se sumaron xa a esta iniciativa ou están a facelo neste momento. Polo tanto, a teoría de que isto era unha moda pasaxeira ou un experimento de márketing semella superada pola evidencia de que, dun xeito ou doutro, este é un fenómeno que chegou para quedarse.

A UDC, se quere apostar pola innovación e pola achega do coñemento á sociedade, non pode permitirse quedar atrás e por iso asinamos un convenio a finais do pasado ano con  MiríadaX, a primeira plataforma de MOOCs no ámbito hispano, que nos vai permitir dar difusión aos nosos cursos MOOC. A comezos de febreiro deste ano lanzamos a Primeira Convocatoria para a elaboración de MOOCs da Universidade da Coruña que tivo unha grande acollida por parte dos nosos docentes e que deu como resultado a aprobación de 5 interesantes proxectos nos que estamos xa traballando arreo e que agardamos que vexan a luz proximamente.

 

8 erros no uso de Moodle para a docencia. Breve historia desta guía

Nota: para ler a guía en castelán preme AQUÍ.

O xerme do que abrolla esta guía partiu dunha proposta que me lanzou o doutor José Luis Tasset, profesor e decano da Facultade de Humanidades e Documentación, durante un curso que impartín recentemente nese centro. Moi acertadamente, o profesor Tasset argumentaba que na maioría de ocasións aprendemos de xeito máis profundo e efectivo a partires dos nosos propios erros que cando tan só se nos expoñen as solucións a un problema.

Durante un tempo, esa idea estivo dando voltas na miña cabeza, pensando en como aplicala ao logro dun uso máis didáctico da plataforma Moodle nas accións formativas que se levan a cabo na nosa universidade. Seguir lendo