Pasamos revista ao 2019

Como dicía o poeta, Fugit irreparabile tempus e aquí estamos un ano máis facendo balance do andado nestes 365 días do 2019 que chegou á súa fin.

Ao igual ca todos os anos, queremos felicitarvos estas festas con este pequeno vídeo, darvos as grazas polo voso apoio e enviarvos os nosos mellores desexos para o vindeiro ano 2020:

Para nós foron meses de intenso traballo  por parte de todas as unidades que compoñen o CUFIE. Velaquí vai unha relación resumida das accións máis destacadas:

  • Desde a Unidade de Atención á Diversidade organizamos as IV xornadas sobre diversidade na UDC que este ano estivo dedicada á diversidade funcional cognitiva e na que participaron entidades tan interesantes como Plena Inclusión ou A quinta da Arte. A xornada foi de balde pero fíxose unha recollida de alimentos para a cociña económica coas aportacións das persoas asistentes.Jornadas A.C. (1)
  • Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, celebrado o 3 de decembro, dende a nosa universidade, encargada da coordinación do Grupo de Comunicación da Red SAPDU dentro de CRUE-Asuntos Estudiantiles, lanzamos por segundo ano consecutivo unha campaña, este ano denominada #DecalogoSAPDU, na que, a través dun vídeo, poñíase en valor o traballo de todos os servizos de atención das universidades recollendo os valores e principios que aplicamos no noso día a día. A nosa universidade foi a encargada de dar forma a eses principios e crear o vídeo.
  • Un dos nosos estudantes de prácticas deste 2019, Iván Vázquez, é moi activo nas redes e nos medios de comunicación e axudounos a dar visibilidade á Unidade de Atención á Diversidade a través dunha reportaxe da TVE para o programa “En lengua de signos“.
 
  • Un ano máis, o proxecto Espazo Compartido segue a formar a rapazas e rapaces con discapacidade intelectual dentro da nosa universidade. Este ano incorporouse a IV promoción deste proxecto, e a segunda xa como título propio da UDC. No 2019 fixemos unha Xornada Formativa de Emprego con Apoios como base para a mellora da empregabilidade do noso alumnado. espazo compartido logo

Symbaloo EDU: utilidades educativas dos escritorios virtuais

symbaloo

Os escritorios virtuais personalizados son unhas ferramentas que nos serven de páxina de inicio para a navegación web permitíndonos, ao estar aloxados na nube, acceder a un mesmo escritorio dende diferentes dispositivos. En función do servizo que elixamos inclúe acceso a recursos e contidos dos nosos servizos e webs favoritas, podendo configuralo segundo ás nosas necesidades e os nosos obxectivos. Dende a desaparición de iGoogle as opcións principais de escritorios virtuais que podemos destacar son Symbaloo, Netvibes e Pearltrees.

Ademais de como mero lanzador de aplicacións estes servizos de escritorio  virtual pódense utilizar como elementos integradores do noso Entorno Persoal de Aprendizaxe (PLE polas súas siglas en inglés), permitíndonos acceder a grande parte das ferramentas, de servizos e de redes que utilizamos de cotián dende unha interface única. Neste senso entendemos os PLE como “o conxunto de ferramentas, de fontes de información, de conexión e de actividades que cada persoa utiliza de xeito asiduo para aprender” (Adell e Castañeda, 2010).

Probablemente sexa Symbaloo o servizo de escritorio virtual máis sinxelo e intuitivo e á vez o que mellor permite trasladar o concepto de PLE ao aula, especialmente de Educación Primaria e Secundaria. A isto contribuiu o lanzamento de Symbaloo EDU, unha versión dirixida específicamente ao eido educativo cun importante uso por parte do profesorado e do alumnado para desenvolver proxectos de aprendizaxe co apoio de internet (Álvarez, 2014).

A palabra Symbaloo procede dun verbo griego que significa “coleccionar” ou “reunir”, e define moi claramente a funcionalidade principal desta ferramenta, que é que nos permíte deseñar un escritorio virtual a partir dunha colección ou unha recompilación de lanzadores ou de accesos directos a sitios, de aplicacións e de servizos web. Grazas a que este escritorio se almacena na nube podemos acceder a él a través do noso ordenador de escritorio ou a través dos nosos dispositivos móbiles, xa que tamén dispón dunha app para iOS e Android.

Podemos crear múltiples escritorios ou taboleiros, denominados webmix na terminoloxía de Symbaloo, e personalizar cada un destes, segundo a súa orientación educativa ou profesional, incorporando os recursos máis adoitados aos nosos obxectivos. Os elementos que conforman unha webmix son os bloques, que poden ser unha ligazón a un sitio web, un vínculo a unha fonte de noticias RSS ou un elemento incrustado (como por exemplo un vídeo de YouTube ou unha presentación ou documento de Slideshare). Pódense engadir novos bloques a Symbaloo EDU dun xeito moi sinxelo instalando a extensión para Google Chrome ou o complemento para Mozilla Firefox.

Outro elemento importante dos taboleiros é a caixa central, na que de xeito predeterminado amosará o motor de búsqueda de Google pero que ao pulsar nun bloque RSS ou un widget que se configurara no taboleiro, visualizaráse na debandita caixa. Pódese utilizar a caixa central da webmix persoal para amosar varios tipos de recursos a elixir entre un bloque de noticias con RSS, un widget ou un motor de búsqueda (Bing, Google ou Yahoo). Symbaloo ofrece diversos widgets, é dicir mini aplicacións, tales como axenda, calculadora, información do tempo, calendario, etc.

Por outra banda Symbaloo EDU tamén permite distintas posibilidades de personalización e de axustes como son á agrupación de bloques en conxuntos, a organización de bloques por grupos marcándoos cunha cor, a elección do fondo de pantalla ou a modificación do tamaño da webmix.

exemplo de symbaloo

Tendo como alicerce esta  función principal de recompliación, e da evolución natural da utilización de Symbaloo como apoio na aula xurdiron os Lesson Plans recentemente implementados. Un Lesson Plan é un itinerario de aprendizaxe personalizado dixital no que pódese utilizar unha grande diversidade de recursos dixitais á hora de créalos (páxinas web, imáxenes, vídeos, artigos, documentos e incluso bloques creados nas webmixes personais que se teñan en Symbaloo). Bloque a bloque pódese ir deseñando o itinerario, utilizando rutas, pistas, preguntas, etc., no que o alumnado pode elixir o camiño a seguir para chegar á meta ou ao obxectivo final, con moitas posiblidads de control e de avalización, incluindo a opción de gravalo. Asemade, a plataforma dispón dun Marketplace, un espazo onde atopar itinerarios realizados por outros docentes e que se poden utilizar directamente ou modificar segundo as nosas necesidades.

A partir das funcionalidades que se mencionaron, a continuación se presentan algunhas das utilidades didácticas da ferramenta Symbaloo EDU que considero máis salientables:

  • Elaborar páxinas de favoritos deseñando unha páxina de inicio de Internet coas páxinas web e aplicacións utilizadas de xeito máis asiduo.
  • Propoñer ao alumnado actividades de procura e de clasificación de recursos e de materiais de clase con imáxenes, vídeos, presentacións, Nesta liña tamén pódese utilizar como actividade de “arquivo escolar” coa técnica de Freinet,  que  se confecciona a partir de varios tipos de información que é recollida e clasificada polo alumnado (Gros e Mas, 2016).
  • Tanto o alumnado como o profesorado poden utilizar Symbaloo EDU para realizar curacións, selección e difusión de contidos, (véase Guallar e Leiva-Aguilera, 2013) de temáticas específicas, podendo usar a galería de webmixes públicas para atopar ou curar recursos relevantes.
  • Recompilar e organizar contidos e recursos dunha materia ou proxecto concreto para compartir co alumnado na aula: selección de vídeos, de presentacións, de sitios web, de xogos interactivos, de actividades online, de artigos, de presentacións, etc.
  • Tamén poderíase utilizar Symbaloo para facer un webmix coas ligazós a cada cartafol do/a alumno/a ou que o alumnado elabore un taboleiro a modo de cartafol con todos os traballos e as actividades que realizou e que amosen a evolución do seu proceso de aprendizaxe.

Así, Symbaloo EDU constitúese nunha ferramenta que ofrece un amplio abanico de posibilidades e de utilidades didácticas e de desenvolvemento profesional do profesorado. Tanto a utilización dos webmixes como a evolución dos taboleiros nos Lesson Plans que mecionamos amosa unha alternativa interesante para desenvolver actividades, proxectos e itinerarios de aprendizaxe multimedia nos que incluir a “gamificación” (uso de elementos de deseño de xogos en contextos de no-xogo, Deterding, Sicart, Nacke, OʼHara e Dixon, 2011) como recurso na aula, cunhas opcións de personalización, de seguimento e de control que poden ser moi útiles. Asemade o profesorado e o alumnado poden compartir os seus taboleiros de Symbaloo EDU na galería de webmixes ou os Lesson Plans no Marketplace como recursos educativos abertos, aínda que restrinxidos  ao uso  na súa plataforma, de xeito que contribúan ao desenvolvemento do coñecemento social e que outros/as compañeiros/as poidan reutilizalos.

Referencias

  • Adell, J. y Castañeda, L. (2010). Los Entornos Personales de Aprendizaje (PLEs): una nueva manera de entender el aprendizaje. En: R. Roig Vila y M. Fiorucci (Eds.), Claves para la investigación en innovación y calidad educativas. La integración de las Tecnologías de la Información y la Comunicación y la Interculturalidad en las aulas. Alcoy: Marfil – Roma TRE Universita degli studi
  • Álvarez Jiménez, D. (2014). Entornos personales de aprendizaje (PLE): aprendizaje conectado en red. Madrid: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
  • Deterding, S., Sicart, M., Nacke, L., OʼHara, K., & Dixon, (2011). Gamification: Using game-design elements in non-gaming contexts. Proc. CHI EA ‘11, ACM Press (2011), 2425-2428. http://hci.usask.ca/uploads/198-Gamification.pdf
  • Gros, B. y Mas, X. ¿Cómo aprender en red? En B. Gros y C. Suárez-Guerrero (Eds.) (2016). Pedagogía red. Una educación para tiempos en internet. Barcelona: Octaedro-ICE-UB.
  • Guallar, Javier; Leiva-Aguilera, Javier (2013). El content curator. Guía básica para el nuevo profesional de internet. Barcelona: Editorial UOC.

[Este post é unha traducción ao galego da recensión publicada na Revista de Estudos e Investigación en Psicoloxía e Educación que podedes consultar nesta ligazón]

Publicada a I Convocatoria de Grupos de Innovación Educativa da Universidade da Coruña

Inauguramos curso académico con unha nova iniciativa que, sen dúbida, será de grande interese para o noso profesorado e para o persoal investigador: a Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, en colaboración co CUFIE, acaba de lanzar unha convocatoria para a constitución e recoñecemento de Grupos de Innovación Educativa (GIE).

Os obxectivos que se perseguen son os seguintes:

  • Promover a participación do profesorado en accións de innovación educativa.
  • Fomentar o traballo colaborativo e interdisciplinar mediante asociacións estables de profesores que favorezan a actualización permanente e o desenvolvemento profesional docente.
  • Darlles unha maior proxección e difusión ás actividades de innovación educativa da UDC para adquirir unha maior presenza nos foros educativos nacionais e internacionais.
  • Mellorar o impacto dos procesos de ensino-aprendizaxe e, en xeral, a calidade do ensino impartido na UDC.

Todos os detalles desta convocatoria pódense consultar na sede electrónica da UDC e nesta ligazón á nosa web: http://www.udc.es/cufie/INNOVACION/GIE/IConvocatoria.html 

Como avance, deixámosvos aquí recollidas na seguinte infografía as 5 cuestións clave sobre os GIE. Esperamos que sexa un éxito!

GIE-Infografia

Docencia e propiedade intelectual: que materiais podemos usar legalmente na docencia universitaria?

profesora-enliña

Este artigo é unha adaptación (máis ben debemos dicir unha traducción ao galego) dunha guía publicada polo CENT da Universidade Jaume I titulada Docència i propietat intellectual. Quins materials puc utilitzar legalment en la docència universitària? baixo licenza de atribución.

Como é de todos sabido, o profesorado das universidades españolas debe aterse escrupulosamente á Lei de Propiedade Intelectual cando publica materiais de aprendizaxe na súa aula virtual, baixo ameazas de cuantiosas multas cando se produce incumplimento dos termos da dita Lei.

Por esta razón, ante as numerosas dúbidas que lle xorden ao noso profesorado, presentamos aquí tanto as nocións básicas que cómpre coñecer sobre a propiedade intelectual, coma os tipos de materiais que podemos empregar legalmente na nosa docencia. Vaia o noso agradecemento ao equipo do profesor Jordi Adell, director do CENT, pola súa xenerosidade ao licenzar este material e tamén á profesora Linda Castañeda por publicar a tradución ao castelán no seu blog. Seguir lendo

8 erros no uso de Moodle para a docencia. Breve historia desta guía

Nota: para ler a guía en castelán preme AQUÍ.

O xerme do que abrolla esta guía partiu dunha proposta que me lanzou o doutor José Luis Tasset, profesor e decano da Facultade de Humanidades e Documentación, durante un curso que impartín recentemente nese centro. Moi acertadamente, o profesor Tasset argumentaba que na maioría de ocasións aprendemos de xeito máis profundo e efectivo a partires dos nosos propios erros que cando tan só se nos expoñen as solucións a un problema.

Durante un tempo, esa idea estivo dando voltas na miña cabeza, pensando en como aplicala ao logro dun uso máis didáctico da plataforma Moodle nas accións formativas que se levan a cabo na nosa universidade. Seguir lendo